Aprendendo a aprender

Aprendendo a aprender

Na CICA dicimos que temos un “método para aprender desfrutando” pero, como de diferente é isto? En que cousas se pode plasmar e como se logra? Noutras palabras, que nos guia no día a día cando temos que tratar cos nosos alunos e alunas?

Aqui van algunhas ideas a modo de decálogo para calquera persoa que eduque:

1. Fomenta a reflexión sobre a propia aprendizaxe. Fai que o aluno ou aluna se pregunte que quere aprender, porque quere aprendelo e como vai facelo.

2. Traballa a autoeficiencia e a autoestima oferecéndolle tarefas que supoñan un reto, pero que sexan alcanzábeis. Deben ter algunha dificuldade, mais ao tempo que poidan solucionar.

3. Perante novas aprendizaxes, axúdalle a comezar analisando os coñecementos previos que teña sobre o tema. Aprender a aprender significa poder estabelecer relacións con outros contidos e basearse neles; deste xeito prodúcese unha verdadeira e significativa aprendizaxe, distinta á memorización ou copia.

4. Deixa que sigan o seu propio ritmo. Cada persoa é distinta e a aprendizaxe constrúese. Isto implica un proceso que cada cal ten que seguir co seu ritmo persoal.

5. Favorece o seu papel activo na construción de aprendizaxes. Perante a tarefa de aprender, o protagonista é suxeito que aprende, e o seu papel polo tanto ten que ser activo na creación destas aprendizaxes. Para iso, permite e incita a práctica, provoca a indagación e o desenvolvemento das competencias ou saber facer.

6. Ensínalle a avaliar o desenvolvemento da súa aprendizaxe. Isto supón a reflexión durante o desenvolvemento do proceso de aprendizaxe. É dicir, fai que reflexione e que se dea conta de que é o aprendido e como o fixo.

7. Móstralle que o erro é unha fonte de aprendizaxe. Ensínalle a aprender dos erros reflexionando sobre estes.

8. Dálle apoio emocional e autoestima para afrontar as dificuldades que xurdan durante o proceso e se enfronte ao fracaso sen abandonar.

9. Esperta o seu interese e a súa motivación. Faille ver a utilidade do que aprende e trata de achegarlle medios e materiais para que se produza unha verdadeira situación de creación de aprendizaxes.

10. Axúdalle a reflexionar sobre os seus avanzos no proceso. É importante que vexa os logros acadados.

Advertisements